



O noso proxecto
O queixo no noso país formou parte da nosa historia dende o principio. Antes, as familias con menos diñeiro facíano co leite que lles sobraba para poder alimentarse, os mariñeiros levábano no barco (nestes casos era o chamado queixo da nabiza, xa que era o que mellor aguantaba o paso do tempo) e foi oficio para moitas mulleres galegas que ían a cada feira cunha cesta de queixos na cabeza para vendelos. Nun país cunha gastronomía tan rica e variada non podía ser menos cun alimento como é o queixo, polo que comezaron a xurdir diferentes tipos dependendo da zona de fabricación: o Tetilla, o do Cebreiro, o Arzúa – Ulloa e o de San Simón.
Para este proxecto decidimos centrarnos no Queixo Arzúa – Ulloa, un queixo cremoso que deixa un sabor característico e inconfundible no padal. A zona xeográfica onde podemos atopar este queixo percorre a comarca de Ulloa, Terra de Melide, Arzúa, Chantada e algúns concellos de Lugo, Santiago, Ordes e Betanzos.
Para realizar o noso proxecto acudimos a dúas das principais queixerías da comarca de Arzúa e de Ulloa. Nestas visitas puidemos coñecer de primeira man as empresas Queixería Barral e Queixería Arqueixal, onde puidemos seguir o proceso de principio a fin da fabricación do Queixo Arzúa – Ulloa. A escolma destas dúas fábricas ten a súa explicación, xa que intentamos buscar un contraste, a fabricación máis industrial e a máis artesanal, para poder comparalas.
O Arzúa – Ulloa é un queixo cremoso elaborado a partir de leite enteiro e fresco de vacas. É un queixo de pasta branda, moi suave e manteigoso. É un bo alimento para tomar como entrante, sobremesa ou mesmo formando parte do prato principal.
“Se queres comer bon queixo
faino no tempo dos nabos,
que se o fas no do trevo
sae rinchón e moi augado.”
(cantiga popular)
